Asociación Forestal de Galicia          

 

Últimas noticias

(2 do 7 de 2010)

A Consellería de Economía e Facenda resolveu o concurso de solicitudes de autorización de centrais de biomasa forestal primaria que fora convocado en novembro de 2008 polo anterior goberno da Xunta.

Dun total de 46 solicitudes de plantas admitidas a trámite, foron aprobados 12 proxectos noutras tantas localidades galegas (Mazaricos, Viveiro, Curtis, Vilalba, Pontevedra, Ponteareas, Verín, A Pobra do Brollón, Ribadavia, Cervantes, Forcarei e A Veiga). As empresas concesionarias son: Enel-Unión Fenosa, Gestamp Biomasa 4, S.L., Renova, Generación de Energías Renovables, Xeración Rural S.L., Grupo Empresarial Ence S.A., Enerxía Galega da Biomasa, S.L., Norvento Biomasa S.L., Cespa, Compañía Española de Servicios Auxiliares S.A., Enerxías Renovables de Galicia S.A.,

Entre os grupos adxudicatarios atópanse 5 grupos empresariais con capital maioritario de orixe galega que acumulan 33 MW, é dicir, o 41% da potencia que se vai instalar.

A partir de agora as empresas concesionarias teñen un prazo de seis meses para presentar os proxectos técnicos definitivos e solicitar permiso para a construción das plantas. No caso de que algunha das empresas decidan finalmente non presentar os seus proxectos daráselle paso ás empresas que quedaron de suplentes no concurso.

A instalación destas plantas supoñerá un impulso para a produción forestal galega contribuíndo á diversificación da comercialización dos produtos forestais.

Inda que o proceso por percorrer ata a instalación e posta en marcha das centrais é longo, xa se avanzou un bo paso.


(21 do 6 de 2010)

(21 do 6 de 2010)

A Asociación Forestal de Galicia celebrou o sábado 19 de xuño no Auditorio Municipal de Vilalba a súa XXIV Asemblea Xeral anual, á que acudiron propietarios de montes e representantes de comunidades de montes veciñais en man común de toda Galicia.

O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado Guizán, dou a benvida aos participantes e presidiu o acto de apertura. No transcurso da mesma, ademais de aprobar o informe económico e o informe de actividades da AFG do ano 2009 así como o orzamento para 2010, aprobáronse catro resolucións de calado en materia de política forestal:

Resolución nº 1 relativa ao proxecto de Lei de Augas de Galicia
Unha parte ou porcentaxe da recadación que se obteña do canon da auga debe quedar explicitamente afectada a desenvolver e promover a repoboación e mellora forestal que os montes situados nas cabeceiras das bacías hidrográficas e aqueles outros que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico evitando ou reducindo riadas, inundacións e procesos erosivos, e mellorando a cantidade e calidade dos caudais (en consonancia co artigo 4 da Lei 43/2003 de Montes) relativa ao canon a incluír no proxecto da Lei de Augas de Galicia para investimentos e coidados dos montes situados nas bacías dos ríos.

Resolución nº 2 relativa á Lei de Montes de Galicia
A Asociación Forestal de Galicia insta ás autoridades políticas a presentar coa maior celeridade a Lei de Montes e a Lei de Montes Veciñais en Man Común, recollendo as achegas feitas pola AFG ao anterior borrador de lei de Montes e en particular que se recoñeza a plena capacidade xurídica das comunidades de montes veciñais en man común para a realización de calquera acto ou negocio xurídico que redunde en beneficio da comunidade, como por exemplo a compra de terreos, así como a titularidade de bens inmobles.

Resolución nº 3 relativa aos montes gravemente afectados pola praga do goniptero
Dado o gravísimo deterioro ambiental e ecolóxico producido nos montes de eucalipto afectados polo goniptero, a AFG solicita a habilitación dunha liña de axudas dedicada á restauración forestal destes montes con criterios de sostibilidade.

Resolución nº 4 relativa á mellora da Lei de prevención de incendios forestais de Galicia
A Asociación Forestal de Galicia solicita á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a revisión da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, co fin de mellorar o seu contido, axustándoo aos requirimentos da xestión forestal e ás posibilidades reais de cumprimento por parte dos propietarios forestais e das comunidades de montes veciñais en man común.

(9 do 6 de 2010)

O 9 de maio publicouse no DOGA a Resolución do 3 de xuño de 2010, da Dirección Xeral de Montes, pola que se dá publicidade aos prazos de presentación de solicitude de pagamento da prima de mantemento para o ano 2010, dos expedientes de axudas concedidas ao abeiro da Orde do 13 de maio de 2005 de fomento da forestación de terras agrícolas, da Orde do 9 de maio de 2007 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias, da Orde do 11 de xuño de 2007 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas, da Orde do 28 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento da primeira forestación de terras non agrícolas e da Orde do 30 de xaneiro de 2008 de axudas para o fomento das frondosas caducifolias. O prazo para a presentación da solicitude das primas de mantemento para o ano 2010 deberá facerse con anterioridade ao 30 de xuño de 2010 e para isto deberá presentarse a seguinte documentación:

  • Solicitude de pagamento
  • Factura, ou no caso de que o beneficiario realizase os traballos polos seus propios medios deberá presentar un documento xustificativo de ter realizado os traballos polos seus propios medios e os xustificantes dos gastos polo importe total do investimento.
  • Certificación bancaria de conta aberta a nome do beneficiario da axuda.
  • Copia do seguro contra incendios forestais em terreos agrícolas do ano 2010, só no caso dalgunhas solicitudes de axudas concedidas ao abeiro da Orde do 13 de maio de 2005 de fomento da forestación de terras agrícolas.

(4 do 6 de 2010)

A Consellería do Medio Rural declarou a través da Orde do 28 de maio de 2010 pola que se determina a época de perigo alto de incendios. como época de perigo alto de incêndios forestais durante o ano 2010 as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.

Na mesma orde establécese que segundo as análises espacio-temporais dos lumes forestais en Galicia nos últimos vinte anos reflicten dúas épocas cun incremento notable da actividade incendiaria e, polo tanto, débense considerar como épocas de perigo alto de incendios:

  • Unha época fixa no período estival, que se corresponde normalmente coa campaña de incendios, durante os meses de xullo, agosto e setembro.
  • Unha época variable, cunha duración aproximada dun mes, que oscila normalmente entre os meses de febreiro, marzo e abril.
Nestas épocas o despregamento de medios de extinción e alerta deberá ser máximo, en función dos índices de risco.

(27 do 4 de 2010)

(12 do 4 de 2010)

O 12 de abril publicouse no DOGA a Orde do 7 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención e defensa contra os incendios forestais en comunidades de montes veciñais en man común e se convocan para o ano 2010

O obxecto da orde é apoiar a posta en marcha de actuacións para previr incendios forestais. Poden beneficiarse da mesma as comunidades de montes veciñais en man común e as súas agrupacións e mancomunidades. Non poderán beneficiarse destas axudas as comunidades que teñan un consorcio en vigor coa Administración, excepto que solicitasen a rescisión do consorcio ou o seu paso a convenio antes da publicación desta orde.

As axudas divídense en dúas liñas:

  • Liña 1: subvencións para o control selectivo de combustible Dentro desta liña subvencionaranse áreas cortalumes, faixas auxiliares de pista, roza baixo arboredo, adquisición de motorrozadoira manual ou motoserras, compra de ferramentas manuais para a prevención de incendios e material de equipamento, adquisición de vestiario de traballo e adquisición de caixa de primeiros auxilios.
  • Liña 2: subvencións para a construción de puntos de auga Subvencionarase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra os incendios forestais. A súa localización será coherente co disposto nos plans de prevención de distrito. Subvencionarase un máximo dun punto de auga para expedientes con CMVMC, mancomunidades ou agrupacións de CMVMC de menos de 500 ha e de dous puntos de auga para expedientes nos que a devandita superficie sexa maior ou igual a 500 ha.
A superficie forestal mínima por expediente será de duascentas cincuenta hectáreas (250 ha). Para acadar a superficie as comunidades de montes veciñais en man común poderán formar agrupacións, sempre e cando as CMVMC sexan estremeiras ou pertenzan a un mesmo distrito forestal e sempre que pertenzan a unha mesma provincia.

En zonas cun procedemento de concentración parcelaria en execución soamente serán aprobables as subvencións solicitadas en terreos en que o acordo de concentración parcelaria sexa firme.

Os terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa non poderán beneficiarse destas subvencións.

O prazo para a solicitude será de un mes contado a partir do 13 de abril.

Pódese consultar o texto completo da orde no apartado “Subvencións” desta páxina.

O 6 de maio publicouse unha corrección de erros a esta orde.

(7 do 4 de 2010)

(6 do 4 de 2010)

O venres 9 de abril ás 17:30 horas a Asociación Forestal de Galicia organiza unha demostración de poda neumática nos montes das Pontes de García Rodríguez (km 19 da estrada AC-101 das Pontes a Ortigueira).

A poda é un labor fundamental para conseguir madeira da mellor calidade que é a que adquire os mellores prezos no mercado. Para levala a cabo cómpre coñecer ben a súa técnica, saber o que hai que podar, como hai que podalo, con que e cal é a mellor época para facelo.

O traballo require unha boa técnica e moitas horas de dedicación que o fan pesado e esgotador, así como moi custoso cando se lle encarga a unha empresa. É por isto polo que é fundamental contar cunha boa ferramenta que aumente os rendementos do persoal ao mesmo tempo que faga un corte limpo, tal é o caso das ferramentas neumáticas coas que se vai facer a demostración.

A incorporación destas tecnoloxías ós labores de poda logran sen dúbida maiores rendementos e unha maior calidade no corte, o que supón un importante progreso tecnolóxico do sector.

As ferramentas que se van empregar nesta demostración son da casa italiana Campagnola, con 50 anos de experiencia:

Todas aquelas persoas interesadas en asistir a esta demostración poden chamar aos teléfonos da Asociación Forestal de Galicia 981 564 011, 981 569 140 e 981 440 537.


(9 do 2 de 2010)

A Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE) puxo en marcha o proxecto FORESTAULA co financiamento do programa “Empleaverde” da Fundación Biodiversidad.

O obxectivo deste proxecto é formar, modernizar e profesionalizar aos traballadores do sector forestal, medioambiental e rural e fomentar o autoemprego e a creación de novas explotacións agroforestais sostibles ou mellorar as xa existentes no sector, a través dos recursos do monte habitualmente desaproveitados.

Con tal motivo organizou un programa formativo para seguir a través de internet dirixido a propietarios forestais en activo, traballadores agrarios, traballadores de pequena se medianas e empresas (pemes) e micropemes do sector forestal e outros responsables da xestión do medio ambiente. Non poden participar xubilados nin funcionarios.

Os cursos están organizados desde unha plataforma de formación a traverso de internet, impartiranse durante o período comprendido entre xaneiro de 2010 e abril de 2011, e constan de 2 horas presenciais de explicación da aula virtual, 15 horas de curso a distancia e 5 horas de visita práctica Para Galicia están programados os seguintes:

  • Sanidade forestal e silvicultura preventiva (xaneiro e setembro 2010)
  • Xestión da biomasa forestal como recurso enerxético (febreiro e outubro 2010)
  • Xestión de plantacións para produción de madeira de alto valor (marzo e novembro 2010)
  • Recursos complementarios do monte: caza e pesca, cogomelos (abril e decembro 2010)
  • Promoción de produtos forestais: política de compras verdes, certificación forestal (xuño e febreiro 2010)
  • Nocións do mercado da madeira (agosto 2010 e abril 2011)
O proxecto ofrece tamén asesoramento personalizado en temas fiscais, xurídicos e empresariais, que xunto á formación técnica permiten xerar unidades de xestión forestal tecnicamente axeitadas e economicamente rendibles.

Pódese atopar información máis detallada sobre os cursos do proxecto premendo aquí.
Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:






Oferta lotes madeira






Variedades castiñeiro


Castiñeiro para madeira


Mellora P. pinaster


Mellora P. radiata
















Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es