Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

O proxecto internacional FOREST-IN impulsa a formación dos propietarios forestais galegos


7 de xaneiro de 2019

O proxecto internacional FOREST-IN, dirixido a promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, está a impulsar a mellora da formación dos propietarios e xestores forestais galegos. A iniciativa implicou no último ano a arredor de 300 persoas nas actividades desenvoltas en Galicia, Portugal e Francia, das que 75 eran de Galicia e do resto do Estado.

FOREST-IN realizou durante o 2018 dous eventos multiplicadores, un en Galicia en febreiro e outro na Provenza francesa en xuño, así coma dous cursos este outono en Portugal (Albergaría-aVella e Lousã), actividades todas elas que contaron coa participación de propietarios e xestores forestais galegos, que puideron coñecer outras realidades forestais e intercambiar experiencias con propietarios e técnicos de Portugal, Francia e do resto do Estado.

O obxectivo das actividades de FOREST-IN é o de mellorar os coñecementos en xestión forestal de propietarios e técnicos mediante visitas a experiencias exemplares, clases maxistrais e sesións prácticas de debate e traballo en equipo.

Para o 2019, entre outras actividades, está previsto que o proxecto FOREST-IN desenvolva na primavera en Galicia un curso de cinco días orientado á formación de xestores forestais (propietarios e técnicos). Todas aquelas persoas interesadas en participar na actividade poden poñerse en contacto coa Asociación Forestal de Galicia, entidade socia do proxecto FOREST-IN.

A iniciativa FOREST-IN está a ultimar tamén o desenvolvemento dunha aplicación móbil (app) orientada a facilitarlle ferramentas prácticas, titoriais e información útil ós propietarios forestais.

Sobre o proxecto FOREST-IN
FOREST-IN constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiación do programa Erasmus +. O coordinador do proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal) e ten como socios á Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:







Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es