Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

Deputados do Parlamento de Galicia visitan as comunidades de montes


9 de agosto de 2017

Deputados de tódolos grupos do Parlamento de Galicia visitaron nas últimas semanas varios montes veciñais, nunha iniciativa da Asociación Forestal de Galicia, para que os deputados valoren de primeira man os sistemas de xestión forestal, o traballo das xuntas reitoras e a realidade do funcionamento das comunidades. Durante as visitas, os representantes da AFG e directivos de varias comunidades, explicáronlle aos deputados as problemáticas coas que se están atopar os xestores dos montes veciñais e as súas demandas ao respecto da política forestal.

Unha das preocupacións máis importantes é o exceso de burocracia, co que chocan tódolos días. "Non é posible que nos tempos en que estamos, con máis medios ca nunca, o funcionamento das administracións sexa máis propio dos inicios do século pasado", sinalaba o vicepresidente da AFG, Xesús Represas. Non se entende como se pode tardar catorce meses para dar unha resposta a unha solicitude para facer un traballo, como ten ocorrido coa Confederación Hidrográfica ou con Patrimonio. Estas demoras están a representar graves prexuízos no desenvolvemento da súa actividade forestal.

Por outra banda, a acumulación cada día dun maior número de requisitos e de complexas normativas, aumenta gastos e tempo, "Non se trata de que non teña que haber o necesario control, pero as cousas teñen que ter outra dinámica e responder ao sentido común", denunciaron as comunidades.

Os deputados coñeceron o significado e a importancia dos proxectos de ordenación forestal e puideron apreciar a súa aplicación sobre o monte. Analizaron exemplos de contabilidade e o día a día da xestión económica dun monte veciñal.




Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:
































Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es