Asociación Forestal de Galicia          

 

Noticia seleccionada

Regulamento sobre comercialización de madeira na Unión Europea


22 de febreiro de 2013

Conta atrás para a aplicación do EUTR

O próximo 3 de marzo de 2013 empezará a aplicarse o Regulamento sobre a comercialización da madeira na Unión Europea (EUTR, nas súas siglas en inglés). Este Regulamento prohibe o comercio na Unión Europea de madeira e de produtos da madeira procedentes de talas ilegais.

Isto significa que:

  • Todos os operadores que introduzan madeira ou produtos da madeira na Unión Europea deberán ter un sistema de Dilixencia Debida que minimice o risco de que estes produtos proveñan de talas ilegais.
  • Todos os operadores que comercian con produtos da madeira deben dotarse dun sistema de trazabilidade.
  • Os Estados membro deberán identificar ás Autoridades Competentes ao abeiro do EUTR, para que estas, á súa vez, poidan dirixir as auditorías e outros controis necesarios sobre os operadores, os sistemas de Dilixencia Debida e a trazabilidade.

Este regulamento desenvolveuse no Regulamento (UE) nº 995/2010, do 20 de outubro de 2010, así como nas disposicións complementarias relativas ao sistema de dilixencia debida, nas normas sumariais para o recoñecemento das organizacións de control e sobre a natureza e os controis que as autoridades competentes deben exercer sobre as organizacións de control (Regulamento Delegado nº 363/2012 e Regulamento de Execución nº 607/2012).

Ademais, a Comisión Europea redactou as directrices para a posta en marcha do EUTR co fin de clarificar algúns aspectos do Regulamento. Para isto, organizou unha serie de encontros coas partes interesadas, os expertos dos Estados membro e do Comité FLEGT.

Consecuencias para os propietarios e os xestores forestais

O Regulamento está concibido para evitar a entrada na Unión Europea de madeira e produtos derivados procedentes de talas ilegais. Así, os importadores de madeira son os que deben facer os maiores esforzos para respectar esta nova lexislación. Sen embargo, o Regulamento aplícase tamén á madeira producida na Unión Europea.

Cando un propietario forestal -privado, público, municipal ou outro- pon a súa madeira no mercado da Unión Europea pode ser considerado como un operador tal como aparece no EUTR e, polo tanto, estar sometido ás obrigas da nova lexislación. As directrices da Comisión Europea especifican varios casos posibles.

Dilixencia Debida para os propietarios forestais

A Dilixencia Debida implica que todo debe ser feito para minimizar o risco de comercializar madeira procedente de talas ilegais.

A maioría dos gobernos europeos recoñecen que o marco institucional actual é suficiente para garantir a legalidade da madeira producida localmente. Os permisos e notificacións de corta, os plans de xestión, etc. son suficientes e non está previsto introducir novos elementos.

Desta forma, cada propietario pode manter o seu propio sistema de dilixencia debida que consiste en conservar e poder presentar toda documentación relativa á venda de madeira durante 5 anos, é dicir:

  • 1. Os plans ou documentos de xestión, de acordo coa lexislación en vigor.
  • 2. Os permisos de corta ou unha copia da notificación de corta.
  • 3. Os contratos de compra (e rexistros de medidas se é necesario). Neste caso é importante que o contrato precise correctamente o modo de venda (en pé, en fábrica…) así como o nome específico da especie.
  • 4. Poder presentar a documentación relativa á venda de madeira. Non é necesario recorrer a unha organización de control para iso.
Dilixencia debida para os importadores de madeira

A dilixencia debida está composta de tres elementos clave:

  • A información : o importador debe ter acceso á información que describe a madeira e os produtos derivados de madeira, o país de procedencia (sobre a rexión xa que o risco varía dunha rexión a outra), a especie (nome científico completo das especies forestais se o nome común é ambiguo), a cantidade, os datos do provedor e a información sobre a lexislación nacional. O operador debe tamén proporcionar información sobre a concesión da explotación xa que o risco varia entre as rexións dun mesmo país.
  • Avaliación de riscos: o operador deberá avaliar o risco de madeira ilegal na súa cadea de subministro, baseado na información precedente e tendo en conta os criterios establecidos no Regulamento (garantía de respecto da lexislación como un sistema de certificación ou de verificación; sancións do Consello da UE; complexidade da cadea de subministro da madeira,...). É posible utilizar un sistema de certificación ou de control realizado por terceiros para a avaliación de riscos, se este sistema é accesible ao público, se aplica controis adecuados (sobre o terreo e regulares), se ten medios para garantir a trazabilidade da madeira e se dispón de controis para garantir que a madeira ilegal non pode entrar na súa cadea de subministro.
  • Atenuación de riscos: cando a avaliación amosa que un risco é posible, debe ser atenuado grazas a unha información, á documentación suplementaria, ou, eventualmente, cun control efectuado por terceiros.
Conclusión Os propietarios forestais non terán novas obrigas derivadas do EUTR cando vendan a súa madeira en pé.

Os propietarios forestais serán considerados operadores que poñen a súa madeira no mercado da Unión Europea cando vendan a súa madeira en fábrica, en porto ou en cargadoiro (ou modos de venda similares).

Nese caso, cada propietario debe ter e manter o seu propio sistema de dilixencia debida, o que significa conservar e ter dispoñible toda documentación relativa á venda de madeira durante 5 anos.



Direccións web relacionadas:



Búsqueda de noticias
Búsqueda no arquivo de noticias:




Informe incendios AFG
























Asociación Forestal de Galicia. Rúa do Vilar, nº 33, 1º. 15705 Santiago de Compostela. C-electrónico: asforgal@iies.es